Thursday 16 de May de 2024

Un total de 277 alumnos de 12 centros educativos públicos da provincia da Coruña participarán na semana STEM este outono


O obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución dos 21 centros seleccionados para participar este outono na Semana STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), da que tomarán parte un total de 450 alumnas e alumnos (un máximo de 25 por centro) a partir de mañá, cando arrinca a primeira quenda de estadías. Da provincia da Coruña participarán nesta experiencia 277 estudantes de 12 centros de ensino.

Este campamento de innovación educativa impulsado pola Xunta de Galicia está dirixido a
rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano. A actividade é totalmente gratuíta para as familias e desenvólvese nos Peares.

A relación de centros seleccionados na provincia é a reflectida no seguinte cadro:

Provincia Concello Centro Curso Quenda
A Coruña Arteixo IES Manuel Murguía 1º ESO 1-7/12
A Coruña Cambre CEIP Portofaro 5º EP 13-19/10
A Coruña Carral CEIP Vicente Otero Valcárcel 6º EP 10-16/11
A Coruña Cee IES Agra de Raíces 2º ESO 8-14/12
A Coruña Cerceda CPI Plurilingüe O Cruce 1º ESO 17-23/11
A Coruña Culleredo CEIP Plurilingüe de Tarrío 6º EP 27/10 a 2/11
A Coruña Culleredo CEIP Plurilingüe Ría do Burgo 6º EP 3-9/11
A Coruña Ferrol CEIP Cruceiro de Canido 6º EP 10-16/11
A Coruña Ferrol IES Sofía Casanova 1º ESO 1-7/12
A Coruña Santiago de Compostela CEIP Pío XII 5º EP 13-19/10
A Coruña Santiago de Compostela CEIP Raíña Fabiola 6º EP 3-9/11
A Coruña Fene CEIP Plurulingüe Os Casais 5º EP 20-26/10

Edudixital 2020
A Semana STEM forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería de Educación coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

O seu obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionan un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.